Upload
anitabmc
View
51
Download
2
Embed Size (px)
Citation preview
O MISTERIO DA PAPOULA NEGRA
Naquel mércores de finais de outubro na
casa de Antía e Xaquín, todo o mundo andaba
bastante axitado. Había mochilas, roupa de
montaña e bicicletas esparexidas por toda a
casa.
Os pais dos rapaces para a ponte de Santos
organizaran unha viaxe: unha viaxe moi
especial, xa que ían percorrer o Camiño de
Santiago desde Pedrafita do Cebreiro ata a
capital de Galicia.
Mañá,1 de novembro, uns amigos da familia
vanos levar no seu coche todoterreo ata o
punto de partida e desde aquí comezará a
aventura: aventura que eles non sospeitan o
aterradora que chegará a ser.
Ao día seguinte puxéronse en marcha.
Deixáronos en Pedrafita e comezaron a
andaina coas súas bicis.
Cando xa levaban un anaco andado atoparon
unha igrexa abandonada no medio do monte.
Decidiron entrar. Estaba chea de teas de araña
e po. Un ruído aterrador fixo que se volvesen.
Alí de pé había un home con barba longa,
camisa a cadros vermellos e grises, pantalón
vaqueiro rachado e zapatos dos anos sesenta;
o que indicaba que, posiblemente, non saíse
daquel lugar en anos e se volvese tolo. O home
díxolles:
-Non sigades porque por estes camiños andan
os mortos.
- Si, seguro- contestou o pai.
-Non, non o fagades-dixo o home con voz
ameazante- Repítovos que por aquí andan os
mortos.
Non fixeron caso daquel home que parecía
estar tolo e continuaron o seu camiño. Pasou
un anaco cando Xaquín se dou conta de que
súa irmá desaparecera. Non podía ser!
Volveron cara onde estaba o vello, pensando
que puidera ser el o que levara a rapaza, pero
xa non estaba na igrexa. Saíron de alí e
atoparon a Antía tirada no chan. Correron cara
onda ela e esquivounos:
-Quen son? Quen sodes vós? Que fago aquí?-
dixo a nena.
Antía perdera a memoria. De repente unha fila
de mortos chamada a Santa Compaña
apareceu polo medio das árbores. Pararon
diante deles e entregándolle unha candea ao
pai e dixéronlle:
-Tomade esta candea. Seravos moi útil na vosa
aventura. Se queredes que Antía recupere a
memoria e se salve da morte tendes que atopar
a papoula negra, a flor que devolve a vida.
Tedes tres días. Ide á igrexa de Sarria, alí o
seu cura daravos a primeira das pistas para
atopar a flor.
Puxéronse en camiño, e cando levaban un bo
anaco pedaleando, atoparon un can mugrento,
de cor canela, con longas orellas e cara de
pena. Este seguíaos a pouca distancia e
intentaron despistalo, pero non había maneira,
o can sempre voltaba. Xa estaban moi lonxe
de onde o atoparan, e decatáronse do teimudo
que era e decidiron poñerlle un nome: Pedriño.
Viron un bo sitio para xantar, xa que a pesares
dos problemas, tiñan moita fame. Descansaron
un pouco e voltaron ó camiño. Pasados uns
kilómetros uníuselles un que parecía outro
peregrino. Fixeron boas migas e falaron dun
montón de cousas, así que acabaron por
contarlle cal era a misión que tiñan que
cumprir.
O home quedouse moi pensativo e con
expresión de medo na cara, explicoulles que
aquel non era un camiño seguro porque ás
veces aparecía por alí a Santa Compaña.
De súpeto o peregrino desapareceu e
cubriunos unha mesta néboa, case non podían
verse uns a outros, e para máis sorpresa, foise
formando un túnel polo que se sentiron atraídos
e alí se dirixiron sen pensalo moito.
A o cabo dun tempo, que a eles se lles fixo
unha eternidade, foron dar a un cemiterio moi
antigo e fermoso, detrás del albiscábase un
impoñente mosteiro que os pais recoñeceron
como o Mosteiro de Sarria.
A porta principal estaba aberta, así que
entraron. Dentro, todo estaba escuro e en
silencio. Fixeron uso da candea que lles dera a
Santa Compaña e percorreron uns corredores
que os levaban a outros ata que viron luz que
saía dunha porta entreaberta.
Petaron e unha voz amable mandoulles pasar.
Detrás dunha mesa enorme estaba un frade
que se presentou como o abade do mosteiro.
Eles explicáronlle cal era a súa misión. E el moi
amablemente deulles varias pistas que lles
pareceron moi misteriosas:
-Voltade ao cemiterio e buscade unha pedra
que está sobre unha pedra e esta sobre outra,
e alí atoparedes a clave - dixo o frade.
No cemiterio buscaron entre as lápidas e
atoparon un grupo de rochas dunha cor distinta
ás demais, o que lles pareceu moi sospeitoso.
Erguer a morea levoulles moito tempo, pero
pronto se decataron que escondía unha
mensaxe segreda:
ATOPAREDES UNHA MENSAXE TALLADA
NUN CARBALLO CENTENARIO A bEIRA DO
ENCORO DE PORTOMARIN.
Dispuxéronse a saír do cemiterio, pero xa
estaba a escurecer, por iso Xaquín non viu
unha tumba que estaba aberta e caeu dentro
dela. Cando se recuperou do golpe recibido
escoitou unha voz de ultratumba que dicía:
-Quedan dous días para a morte de Antía. Se
queredes chegar a tempo para salvala debedes
atravesar o portal.
Xaquín contoulle o sucedido a súa familia.
Despois de percorrer o camposanto viron un
arco de ferro cuberto de enredadeiras no medio
dunha leira.
Cando o atravesaron todo se volveu escuro. Ao
cabo dun tempo, saíu a lúa entre as nubes e
viron que estaban camiñando polas rúas
empedradas dunha vila. Era noite pechada e
facía moito frío.
Atopáronse cun home que resultou ser o dono
dunha pousada de Portomarín, que así se
chamaba a vila. O home ofreceulles pasar a
noite alí:
-Fariades ben- dixo o home- Non é seguro
andar de noite por aquí.
-E logo por que?- preguntou a nai.
- Conta a lenda -dixo, con voz moi baixa -que
na antiga vila de Portomarín vivía un home moi
teimudo co seu can Urco. A vila foi inundada
pola construción do encoro, polo que se
trasladou a todos os habitantes á vila nova.
Mais o dono de Urco negouse a marchar da
súa casa e morreu afogado dentro dela. Por
iso, todas as noites o espírito de Urco pasea
pola nova vila, buscando ao seu dono.
A familia, moi asustada, rexeitou a oferta
porque tiñan pouco tempo para salvar a Antía,
así que seguiron ata o encoro.
Polo camiño atopáronse con Pedriño. Xaquín
foi correndo onda el, pero decatouse de que ao
can lle pasaba algo raro. Tiña os ollos en
branco e xa non tiña unha expresión triste, se
non chea de rabia.
Tentou trabar a Xaquín, pero o pai conseguiu
reducilo.
O can estaba posuído polo espírito de Urco,
polo que decidiron atalo nunha árbore para
evitar un novo ataque.
Chegaron á beira do encoro e estiveron
buscando un bo anaco, mais non atoparon
ningún carballo.
Cando xa ían desistir Antía viu unha botella que
flotaba preto da beira. O pai recolleuna cun
trueiro.
Dentro había un papel coa seguinte mensaxe:
Esta noite
Unha arbore vas ver
E con moito interese
O vas ler
Ao pronunciar estas palabras apareceu un
carballo diante deles que desprendía unha luz
cegadora deslumbrándoos a todos.
Cando se achegaron ao carballo, viron a
seguinte inscrición na súa cortiza:
Debedes ir a palas de rei. Ali atoparedes unha
horta de cabazas ao lado dun cruceiro. Vaciade
a mais grande colocade dentro a candea e
veredes unha nova mensaxe.
Voltaron ao camiño e viron que Pedriño xa
retornara a ser o can afable que coñeceran,
coa súa cara de pena e non de rabia como
posuída polo espírito de Urco. Desataron ao
can e decidiron empregar seu o olfacto para
atopar o camiño cara Palas de Rei.
Pedalearon toda a noite guiados polo instinto
do animal, o cal os levou a Igrexa de Vilar de
Dona xa en Palas de Rei. A carón do cruceiro
estaba a horta das cabazas.
Buscaron a cabaza máis grande, aínda que lles
levou un anaco decidir cal era, e tras varias
rifas entre eles dispuxéronse a baleirala.
Despois empregaron a candea que lles dera a
Santa Compaña para poder ver a mensaxe
xusto antes de saír o primeiro raio de sol. E
como por arte de maxia, coa luz da candea,
reflectiuse aos pés do cruceiro unha nova
mensaxe:
NO ALTO DA TORRE FILGUEIRA
MOVESE CO VENTO UNHA BANDEIRA
MIRADE BEN CARA ONDE SINALA
SE A PAPULA NEGRA QUEREDES ATOPAr
Xa era de día e andiveron preguntándolle as
xentes de Palas de Rei pola torre. Cando a
atoparon viron que estaba abandonada e que
poñía medo so de mirar para ela, pero debían
entrar nela se querían que Antía non morrera.
Nada máis abrir a porta apareceu de súpeto un
vello coas roupas rachadas e sen un ollo.
Díxolles que el era o guía e que con moito
agrado lles ensinaría o interior da torre. Aínda
que era algo sospeitoso a familia tiña moita
presa como para buscar a forma de subir ao
alto, entón o pai dixo:
-Moi amable señor, pero só nos interesa visitar
o alto da torre. Pódenos guiar vostede ata alí?
O vello puxo mala cara e rañou os dentes,
parecía algo impaciente, pero aceptou guiar a
familia.
No alto da torre viron a bandeira, estaba algo
rachada e non se adiviñaba ben cara onde
sinalaba.
-Señor guía, cara onde apunta a bandeira? –
preguntou a nai.
-Benquerida familia, alí non vaiades – dixo o
vello sen ollo – sinala en dirección a un bosque
que hai en Arzúa, un lugar escuro e maldito,
pois nel as árbores están vivas e posuídas polo
mesmo demo, pois o que entra nel, non sae
vivo, as árbores comezan a enraizárseche nos
pes e aprémante ata romperche os ósos do
corpo.
- Tanto nos ten!!! – dixo o pai – debemos ir cara
alí axiña.
- Veña papá, temos moita presa – dixo Xaquín
– tan só nos queda un día para salvar a Antía.
O vello non paraba de insistir en que quedaran
un anaco máis con el, polo menos a xantar,
pois sentíase moi só. Pero a familia negáballe a
invitación unha e outra vez.
Entón o vello púxose coma un tolo e collendo
unha das lanzar das armaduras que había na
torre quixo matar a familia a cal tivo que
escapar estrepitosamente escaleiras abaixo e
saír pitando da torre para salvar a súa vida e
poñerse en dirección cara o bosque das
árbores malditas de Arzúa, onde medraba a
papoula negra.
Proseguiron a súa andaina pedaleando
apresuradamente ata chegar a Arzúa. Alí
conseguiron preguntarlle a un ancián que
camiñaba arrimado a un bastón onde se
atopaba o bosque.
- Perdoe, poderíanos indicar onde se atopa o
Bosque das Árbores Malditas? Precisamos a
topar a papoula negra de inmediato –dixo o pai
con voz firme.
- Seguide todo este sendeiro e ao lado da fonte
xirade á esquerda, alí se atopa o voso destino.
En canto vos adentredes no monte veredes
unha pequena e vella cabana que é onde
medra a flor, pero tede moito coidado, xa que
ninguén logrou saír vivo de alí.
- Moitas grazas bo home.
A familia deixou as bicis aparcadas fóra e
adentrouse no bosque. Cubriuse todo de
súpeto por unha néboa espesa. Xaquín ía
camiñando diante cando dixo:
- Mamá, teño moita fame.
Pero non houbo resposta algunha. Cando
volveu a cabeza non había ninguén, so o
acompañaba Pedriño. O neno comezou a sentir
moito medo e empezou a correr para atopar
aos seus pais canto antes.
Cando xa levaban un anaco recorrido Xaquín
tropezou na pola dunha árbore e caeu ao chan.
O can púxose moi nervioso e comezou a
ladrar.O rapaz ergueuse e viu a cabana da
papoula e botou a correr cara a ela. Entrou con
moito medo e alí estaba a súa familia a punto
de coller a flor.
- Onde estabades? Tiña moito medo –dixo
Xaquín. Nese momento a nai estaba a coller a
Papoula Negra e toda a cabana comezou a
tremer. A familia botou a correr e conseguiu
saír de aquel Bosque das Árbores Malditas.
Aínda que estaban moi cansos e tiñan moita
fame, á media noite remataría o tempo para
salvar a Antía, así que montaron de novo nas
súas bicicletas e seguiron o camiño porque xa
empezaba a anoitecer.
Cando pasaron por diante da fonte que lles
dixera o ancián do bastón , viron unha luz que
sinalaba cara ao que parecía un cartel dentro
da auga que dicía:
Se a antia queredes salvar
Sobre o sepulcro do apostolo
A papoula negra debedes deixar
Así, emprenderon de novo a súa viaxe
apurando o máximo posible para que Antía
saíra con vida de aquela aterradora
experiencia.
Cando xa non quedaba moito percorrido para
chegar a Santiago púxose a chover con moita
forza e comezou a tronar dun xeito estrepitoso
que alumaba todo o ceo no medio da
escuridade da noite.
A familia estaba moi cansa e empapada por
mor da choiva, pero sentiron un gran alivio
cando, dez minutos antes de que rematara o
prazo para salvar a Antía, viron ante eles a
grandiosa Catedral de Santiago.
-Vamos, rápido –dixo o pequeno Xaquín.
Todos tiraron as bicicletas no chan e botaron a
correr cara a Catedral.
Como era xa de noite non podía entrar por
ningures, intentárono primeiro pola fachada do
Obradoiro, pero estaba pechada, despois
correron á porta norte, pero tampouco tiveron
sorte. Mentres estaban dando voltas rodeando
o edificio, a nai decatouse de que unha das
pequenas portas laterais, na que estaba
representado o xuízo final estaba entreaberta.
-É por aquí – dixo cun fío de vos a nai.
Todos correron cara aquela porta. Cando
entraron ás carreiras as súas pisadas resoaban
en todo o edificio.
- EH!!!, non podedes estar aquí – dixo o que
parecía ser un garda de seguridade.
Pero a familia non desistiu do seu empeño e foi
entón cando viron o sepulcro do Santiago
Apóstolo. Mentres corrían cara el comezaron a
soar as doce badaladas que marcaban o final
da vida de Antía.
O pai conseguiu deixar a papoula negra sobre
o sepulcro antes de que soara a derradeira
badalada, pero foi en vano, a nena caeu
desplomada no chan.
A familia correu xunto o corpo de Antía, todos
choraban desconsolados e o pobre Pedriño
non facía máis que lamberlle a cara.
O garda de seguridade acercouse e preguntou
que acontecía. De súpeto, Antía ergueuse,
estaba ben, un pouco aturdida pero non se
lembraba do que ocorrera naquel terrorífico
percorrido.
A familia estaba moi contenta por recuperar a
súa filla e tamén lle colleran moito cariño a
Pedriño polo que decidiron quedar co can.
Di unha lenda que todas as noites de 31 de
outubro, noite de bruxas, meiga e mortos
viventes a Santa Compaña acode a aterrar a
familia e o espírito de Urco posúe a Pedriño e
este torna os ollos en branco e trata de morder
a calquera que se lle poña por diante. Así é que
a familia nunca poderá esquecer aquela
aterradora viaxe.
fin
.