Upload
others
View
17
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
1
Os gravados de A Ferradura: entre o Sol e os Santos Marco V. García Quintela
Vista panorámica dende o cumio de San Trocado
Dende o cumio do Monte San Trocado vese unha ampla vista do Este. O val do río Barbantiño, moi
encaixado e que separa os concellos de Puxín e Amoeiro está marcado pola liña máis clara definida
polos traballos de desmonte relacionados coa construción da ACEGA (autoestrada que comunica
Santiago con Ourense). O val é unha vía de paso, dende sempre a través da Nacional 541 que une
Ourense con Pontevedra, e a través do ferrocarril que bordea a ladeira que sube dende o Barbantiño
ata Os Chaos, antes de xirar para Ourense. Tamén pasa o AVE a través de Os Chaos e se aprecia a
Autoestrada Vigo-Madrid. Por riba do trazado da ACEGA, formando unha meseta, está a comarca de
Os Chaos de Amoeiro e á dereita o río Miño.
Esta zona está marcada pola Historia. Coma tantos outros lugares, sen dúbida, pero quizais sexa
menos frecuente que esa pegada da Historia deixara marcas tan visibles e ao mesmo tempo tan
intanxibles. Na actualidade estas paraxes están escasamente poboadas... os habitantes de Amoeiro,
Puxín e San Amaro, os concellos que podemos divisar dende aquí, apiques conseguirían poboar hoxe
tódolos castros da Idade do Ferro localizados nos seus concellos... Ímonos a centrar nesta época. É
un período que vai aproximadamente entre o século VI antes de Cristo, cando este monte estaba
ocupado por un castro, ata que aparecen os primeiros cristiás nesta área, entre os séculos V e VI da
nosa Era. Eles cambian a relixión, pero ao mesmo tempo en parte as tradicións preexistentes.
Imos a contar, entón, unha parte da historia desta zona. Contar como un territorio se transforma
nunha paisaxe. Como un lugar labrado polos procesos xeolóxicos que constrúen as formas do terreo
se transforma, mediante a acción dos homes nun sitio onde a través de xeracións que pasaron por
2
alí reflexionaron dun xeito ou doutro, conforme aos seus xeitos de ver o mundo cambiante co paso
do tempo.
Arquitectura popular, reutilización de pedras “castrexas”, dedicatorias aos Lares Viarioss Non é casual que na aldea de San Xiao se conserve na súa capela un ara romana dedicada aos Lares
Viarios, os enigmáticos deuses dos camiños con que os romanos enmascararon algunha divindade
local preexistente, utilizada coma pía de auga bendita.
Esta inscrición é un pequeno resto, entre outros, da actividade social diversa, que se produciu na
zona entre a Idade do Ferro (dende o 700 a. C. en San Trocado), pasando pola romanización, ata
que estes territorios se cristianizan cara ao século VI da nosa era. A historia posterior, a tamén rica
historia posterior, é outra historia:
http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/4/14.
Vista aérea del castro de San Cibrán de Las
3
O testemuño máis poderoso da importancia desta zona constitúeo o gran castro de San Cibrao de
Lás, coñecido como ´A Cidá´. Escavado desde os anos 20 por F. López Cuevillas, un dos precursores
da arqueoloxía galega, é un dos maiores castros coñecidos en Galicia.
O castro sitúase ao final dunha cresta ocupando as súas vertentes polo Este, cara a Punxín, e Oeste,
en San Amaro. As súas murallas presentan a forma de dous círculos concéntricos: dous recintos
fortificados exteriores e outros traballos constituían as súas defensas.
Tal como o coñecemos na actualidade, o castro foi un deseño de nova planta cara os inicios do
século II a. C. e abandonouse cara o final do século I da nosa Era. Tal vez estivo poboado por dous
mil a tres mil persoas.
Vista de A Ferradura dende o Coto da Portela
Pasamos á outra beira do río Barbantiño, situándonos sobre o extremo occidental da meseta dos
Chaos de Amoeiro, sobre a vertente esquerda do Barbantiño. Esta zona chámase ´A Ferradura´ e
está infestada de gravados rupestres; era unha zona de cultivo ata os anos 60 do século pasado e na
actualidade só xabarís e cazadores interésanse por ela. É un espacio de rara beleza natural, con
abundancia de especies autóctonas, en especial carballos.
A Ferradura está delimitada polo barranco do Barbantiño ao Oeste e as cotas do Coto dá Portela ao
Este. O río Formigueiro está ao Norte e só ten un acceso fácil desde o Sur, dende a confluencia
entre o Miño e o Barbantiño.
En A Ferradura, as curiosas conformacións rochosas conservan, pese ao paso dos séculos, as pegadas
dunha acción humana lixeira, minimalista, poderíase dicir co sentido do termo na Crítica moderna
da Arte. Pero unha acción que, pese á súa levedade, servía para unir a homes e a deuses, á terra, á
paisaxe, cos astros.
A estación rupestre de A Ferradura foi descuberta durante o Seguimento Arqueolóxico das Obras de
Construción do Ramal do Gasoducto de Galicia Pontevedra-Ourense o ano 1997
(http://www.lppp.usc.es/descarga/PublicacionTapa7.htm).
4
Vista xeral da zona
Entre o Castro de San Trocado, o Castro de San Cibrao (na esquina inferior dereita no modelo
tridimensional) e A Ferradura (na esquina superior esquerda) vai a transcorrer a nosa historia.
No centro do castro está a croa. O seus muros tiñan uns catro metros de alto do século XX (as súas
pedras empregáronse no empedrado das rúas de Carballiño). Se accedía por dúas portas cunhas
escaleiras. Por iso, de forma ordinaria os carros terían que rodeala coma se fose unha gran rotonda,
por un camiño de rolda exterior desde onde se accedía ás rúas radiais que comunican este camiño
de rolda co camiño de rolda adxacente á muralla exterior, e que comunican os distintos rueiros.
As estruturas escavadas no interior da croa son diferentes ás que se coñecen no resto do castro. Non
é un lugar de habitación ordinario. Ademais, na croa atopáronse dedicatorias a catro deuses
diferentes: ao deus romano Xúpiter, cunha grafía primitiva e nun soporte pouco traballado e outras
tres a deuses de tradición local. A croa era o espacio reservado para os deuses.
5
A profesora Patrizia de Bernardo, especialista en linguas prerromanas da Universidade do País
Vasco, estudou os nomes de tradición prerromana destas inscricións.
Nelas coexisten tres idiomas. O celta está presente nos nomes dos deuses (sobre todo ´BANDUA´ e
´SADU ULADU´), o idioma convencionalmente coñecido como ´lusitano´ está presente nas formas
gramaticais e en nomes de deuses como ´NABIA´ e ´ABIONE´. Ademais, o latín está presente a
través da propia escritura, inexistente en Galicia antes da chegada dos romanos, e en ´IOVI´, a
dedicatoria ao gran deus latino Xúpiter.
A muralla da croa non permite ollar cara ao poñente, salvo pola súa porta. Toda a croa esténdese
pola vertente Este, mirando cara á marxe esquerda do río Barbantiño. Alí destaca a zona de A
Ferradura pola súa singular configuración natural.
Distribución dos gravados de A Ferradura
Nela aparecen unha serie de gravados de deseño sinxelo consistentes en cazoletas ou pequenos ocos
escavados artificialmente sobre o granito. As cazoletas marcan determinadas rochas que configuran
un amplo circuíto duns 2.000 m de perímetro na chaira.
No interior deste circuíto destacan dúas rochas con gravados diferentes que, como tantas veces en
Galicia, reciben nomes particulares. Unha delas chámase ´A Ferradura´, como o conxunto da
chaira. É a rocha que presenta un maior número de gravados e destaca principalmente pola gran
cantidade de pegadas de pés gravadas.
6
Petóglifo de A Ferradura
Nalgúns casos se aprecian ata as pegadas dos dedos, indicando que se gravou un pé espido de forma
intencional. Unha persoa situada sobre os gravados fai un xiro do horizonte cara ás zonas de maior
visibilidade. Ningunha pegada diríxese cara o Este, onde o Coto dá Portela corta a nosa visión dende
alí.
Esta disposición coincide con situacións e relatos recollidos en Galicia, pero tamén en Irlanda,
Escocia e Francia. Sobre estas rochas e sobre pegadas de pés dispostas deste xeito, recibían a súa
investidura os xefes locais, onde eran formalmente recoñecidos como tales. Estes ritos, nos casos
coñecidos, proporcionan sempre unha lexitimidade baseada en tradicións alleas ao cristianismo
triunfante e de probable raíz celta.
Unha fenda atravesa a roca de Este a Oeste. Probablemente sexa resultado dunha forma de erosión
retocada pola man do home. A través desta fenda, coma se dunha mira telescópica se tratase,
enfócase directamente cara á croa do castro de San Cibrao.
Petróglifo de O Raposo
7
Outra rocha chámase ´O Raposo´. Situada a trescentos metros da anterior, é un abrigo rochoso
natural configurado pola erosión. A súa masiva aparencia deixa aberto un oco no seu centro. Neste
caso, só unha das rochas situadas no seu interior presenta un gravado que non sabemos identificar.
O curioso é que a pedra onde esta gravado, no interior do abrigo, foi cortada da roca nai e
desprazada lixeiramente. Isto fai que a pedra gravada encaixe cunha cavidade natural no amasillo
rochoso, unha especie de fiestra de forma triangular pola que se distingue o perfil de San Trocado,
o monte polo que iniciamos este percorrido e onde había un castro cara ao século VI a de C.
Semellanza formal entre A Ferradura e San Cibrao de Lás
É importante destacar a comunidade formal das accións humanas levadas a cabo dun lado a outro
do Barbantiño. Entre a masiva construción pétrea do castro, atravesado pola fenda que forma a
porta da croa, e a masiva forma da rocha da Ferradura, infestada de gravados, e atravesada por
unha fenda semi-natural.
¿É casual que dende dúas rochas singulares de A Ferradura se vexan, a través desa especie de miras
que focalizan a atención, os enclaves onde están situados os dous castros que dominan a outra beira
dereita do Barbantiño?
Non, porque o sol, no seu circuíto anual, actúa como unha especie de nu que vincula os petróglifos
cos castros, as dúas beiras do Barbantiño mostrando como funcionaron solidariamente o lugares de
habitación dunha banda e a zona acoutada pola outra.
Volvemos á croa do castro de San Cibrao, onde estaban as inscricións con dedicatorias aos deuses.
Un dos seus trazos notables é a súa monumental porta Oeste orientada ao ocaso do sol o solsticio de
verán. A porta situada cara ao Este non é relevante, pois se atopa a media ladeira.
Ademais, a localización desta porta é heteroxénea con respecto ao tecido urbano. Se nos situamos
sobre a ´rúa maior´ do castro, que une a porta da muralla coa croa, vemos que a porta da croa non
se aliña nesta dirección: segue outra lóxica.
8
Croa de San Cibrao de Lás orientada cara o solsticio de verán
Iso débese a que está orientada cara o ocaso do sol do solsticio de verán. Ademais esta observación
só ten sentido dende o interior da croa, pois dende o exterior, as vivendas impiden, e máis no
pasado, calquera observación.
O solsticio de verán correspóndese cos días máis longos do ano. Entón o sol detense aparentemente
durante uns cinco días segundo o que indica o termo latino ´solsticio´. Neste intre, dende calquera
punto de observación, o sol sae e ponse polo punto máis setentrional do seu percorrido anual.
O sol nunca irá máis cara ao norte no seu itinerario anual con relación á Terra. A partir dese intre
comezará a descender cara ó Sur. Camiño do extremo meridional do seu percorrido en relación coa
terra, marcado polo solsticio de inverno. Este feito é banal en moitas ocasións.
O relevante neste caso é que os poboadores do castro de San Cibrao de escolleran esta referencia
solar para construír o muro da croa do castro e para separar o espacio dedicado aos deuses do
espacio doméstico, onde os homes levaban a cabo as súas tarefas cotiás.
Pero tamén este feito podería ser froito da casualidade. A proba de que non o é atopámola se
pasamos á outra beira do Barbantiño.
Esta é a ladeira de ´A Zarra´, pequena cota que presenta unha singular monumentalidade polo lugar
que ocupa. Se sitúa no extremo Oeste dos Chaos de Amoeiro, e cae formando case un cantil ata as
beiras do Barbantiño. Arqueolóxicamente é un lugar singular e difícil de clasificar.
Da ladeira Norte do outeiro xorde unha peculiar formación rochosa, unha especie de anel granítico
formado pola erosión. No interior deste anel rochoso tamén hai un gravado difícil de interpretar. O
singular é a súa localización, pois está orientado cara ao ocaso o solsticio de verán.
9
O petróglifo de A Zarra oriéntase cara o solsticio de verán
Non hai neste caso un lugar relevante onde se pon o sol neste intre. Tampouco hai unha chaira ou
sitio onde se poida reunir xente para facer algunha tarefa ou cerimonia, como ocorre sobre a croa
de San Cibrao. Pero o relevante é que o feito indicado prodúcese corroborando e subliñando outras
observacións semellantes.
Petróglifo de O Raposo e o solsticio de inverno
A seguinte observación fainos regresar a ´O Raposo´.
O sol, no seu circuíto anual, alcanza o seu punto máis meridional no solsticio de inverno, cando o
astro, como no solsticio de verán, parece deterse durante os días máis curtos do ano. Entón, se
contemplamos o ocaso desde o interior de O Raposo, o sol situado sobre o cumio de San Trocado,
ilumina o gravado do interior do abrigo. Neses intres, e a medida que descende cada vez máis polo
horizonte, a rocha de O Raposo proxecta unha sombra acusada que, como unha punta de frecha,
sinala o castro de Coto do Castro.
10
A partir destes días do solsticio, as xornadas alárganse e o sol comeza a remontar cara ao norte. Sae
e ponse cada día un pouco máis ao norte. A nosa seguinte data é o primeiro de febreiro, pero temos
que volver aos gravados da Ferradura.
O petróglifo de ´A Ferradura´
O primeiro de febreiro o sol, cando chega ao seu ocaso, está situado xusto encima de San Cibrao de
Lás intre no que atravesa a rocha con gravados. ¿Que ten de particular esta data? É unha das
chamadas festas de media estación da tradición celta. É o propio desta tradición, e conforme cos
coñecementos astronómicos que os autores clásicos atribuían aos druídas, os sabios sacerdotes
celtas, o establecemento desas festas, correspondendo aos días primeiro de novembro, febreiro,
maio e agosto. Discútese a xeneralidade destas festas entre os celtas da antigüidade, pero
observacións como estas apuntan a que isto é así.
E é así porque, mirando cara ao Este, o sol nace polo Coto do Castro a principios de maio
atravesando, tamén, a mesma fenda cun efecto máis atenuado. Xa indicamos que os petróglifos da
Ferradura están gravados para ver cara á zona de horizonte máis aberto cara ao Oeste, Norte e Sur.
11
Por outra banda, hai nomes celtas de deuses na croa de San Cibrao de Lás (´Bandua´, ´Sadu
Uladu´), hai datas de tradición celta relevantes en A Ferradura (primeiro de febreiro, primeiro de
maio), e os podomorfos desta rocha pódense interpretar, tamén, dentro da tradición celta.
Semellanza formal, outra vez, entre A Ferradura e San Cibrao de Lás
Así pois, con lóxicas construtivas diferentes, a zona de A Ferradura e a croa de san Cibrao
reflíctense a través do val do Barbantiño, coma se unha zona fose espello da outra.
En ambas bandas partimos dun espacio acoutado polo muro da croa ou os petróglifos máis sinxelos.
Ambos espacios configúranse como espacios cerimoniais, expresamente coas mencións aos deuses
na croa, indirectamente coas datas solemnizadas polos petróglifos en A Ferradura. Existe unha gran
semellanza formal entre o petróglifo de A Ferradura coa súa fenda e a croa de san Cibrao coa súa
porta. Os ocasos do sol en datas crave son importantes a ambos lados do río.
A unha beira o espacio é, ademais, un lugar de habitación, un castro, mentres que na outra beira
non. Os arqueólogos calculan que San Cibrao abandonouse ao final do século I da nosa Era.
Probablemente a lóxica coa que foi construído e poboado desapareceu co triunfo definitivo do
dominio romano, cando trunfa a zona de Laias, situada sobre as beiras do río Miño, área mineira e
facilmente accesible desde o río. Nunca volveu a contabilizarse tanta poboación reunida entre San
Amaro e Punxín.
A aldea de Formigueiro é unha pequena comunidade, con practicamente 10 casas, rodeadas de
historia. Esta situada entre o castro de Coto do Castro e o castelo de Formigueiro, con singulares
gravados medievais. Deterémonos nun coñecido como ´Lousa de Formigueiro´.
A súa factura e os motivos representados revelan que é unha pedra esculpida na Idade do Ferro.
Atopouse cando apareceu baixo o altar con motivo da restauración da capela dedicada a San
Sebastián. Este relevo indica dúas cousas. Por unha banda proporciona unha proba do uso da zona
de A Ferradura pola poboación antiga e pola outra revela como se transformou ese uso a comezos
da cristianización.
12
A lousa de Formigueiro e a cristianización da tradición prerromana
Que A Ferradura era un lugar de reunión pode probarse porque o mellor testemuño antigo sobre a
poboación do Noroeste peninsular, o xeógrafo grego Estrabón, di que os poboadores celebran
asembleas con xogos de diverso tipo. Xa vimos como a chaira zona de A Ferradura reúne condicións
adecuadas e unha serie de datas ben marcadas en que estas festas ou asembleas poderían ter lugar.
Estas reunións poderíanse celebrar con independencia que os castros estivesen habitados ou
abandonados. A historia dos lugares sacros é diferente que a dos centros de poboación.
A lousa de Formigueiro mostrando unha cabalada, unha especie de ´rapa das bestas´, está en
consonancia co que di Estrabón e con algunha das actividades que se poderían facer na Ferradura.
Doutra banda, a aparición desta lousa nunha igrexa é outro exemplo de reutilización de elementos
pagáns polo cristianismo triunfante, bastante común, aínda que sorprende a reiteración, a forza coa
que isto se produce na paisaxe do baixo Barbantiño.
A festa patronal de Formigueiro é a Candelaria, que se celebra o 2 de febreiro. Data singularmente
próxima á que destacamos no petróglifo da Ferradura. A festa conmemora a presentación do neno
Xesús no templo de Xerusalén, tras os corenta días logo do seu nacemento, en que a nai, segundo a
tradición xudía, considérase ´impura´.
O curioso, entón, é que a festa da Candelaria conmemora dúas datas, a da Natividade e a
presentación de Xesús no templo. Estas dúas datas son, precisamente, as pertinentes na Ferradura.
A Natividade relaciónase co ocaso o solsticio de inverno no Raposo e a Candelaria co ocaso de
primeiros de febreiro na Ferradura.
É importante, ademais, que as primeiras noticias que se teñen no occidente cristián da celebración
desta festa, propia dos cristiáns de Terra Santa, débese a unha peregrina do século IV da nosa Era,
chamada Egeria que, probablemente, procedía de Gallaecia.
Non pode ser casual esta solidariedade de datas pagás e cristiás. Tanto máis cando San Trocado,
antigo santo de culto difundido sobre todo en Ourense e norte de Portugal, celebrábase
orixinalmente o primeiro de maio.
13
É dicir, os cristiáns que evanxelizaron estas paraxes apoiáronse na tradición existente para
introducir o novo culto, os novos santos sobre as pegadas dunha práctica comunitaria que
necesariamente, aínda estaría viva, naqueles intres nos petróglifos de A Ferradura.
Entre o pasado prerromano, con trazos celtas e lusitanos, e os testemuños máis antigos destas
festas pasa moito tempo. A continuidade entre os cultos pagáns e as prácticas cristiás que os
utilizan como fundamento dunha nova fe é difícil de seguir con precisión, pero na paisaxe relixiosa
formado sobre o Barbantiño os argumentos acumúlanse.
Hidacio, un cronista cristián do século V, bispo de Chaves, termina o texto da súa Crónica relatando
un estraño prodixio. Di que no río Miño, a 6 millas do municipio de Lais (probablemente Laias, sobre
o Miño), apareceron unha serie de peixes con letras gregas, hebreas e latinas escritas sobre o seu
dorso. Lidas conxuntamente esas letras anunciaban un ano CCCLXV. Sería este escuro prodixio o
último eco dunha paisaxe ritual que non terminara de morrer cando xa estaba nacendo outro,
presidido polo cristianismo triunfante.
´Casa da´tías Casildas´
Na ´casa das tías Casildas´, actualmente abandonada, descobremos restos de escultura da Idade do
Ferro ou comezos do dominio romano. É outra mostra da continuidade, e ao mesmo tempo
transformación, cambio de uso, que se produce nestas terras entre a antigüidade e o presente:
http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/4/14.
Dun xeito singular isto detéctase na arquitectura románica. Na igrexa de San Pedro, na parroquia de
Trasalba, aínda se conserva unha cabeza que responde a esta tradición.
14
CONCLUSIÓN
Na actualidade boa parte destes lugares están abandonados e os habitantes de Amoeiro, Punxín e
San Amaro apenas conseguirían poboar hoxe todos os castros situados nos seus concellos
a zona de A Ferradura, que nos interesou polos seus singulares petróglifos, estivo cultivada ata os
anos 60. É unha zona de rara beleza natural, onde predominan as especies autóctonas, onde se
poden observar aves onde quedan importantes pegadas das formas de explotar o campo galego ata
mediados do século XX.
Onde as curiosas conformacións rochosas conservan, pese ao paso dos séculos, as pegadas dunha
acción humana sinxela, case ridícula. Pero esa acción, a pesar da súa levedade, servía para unir aos
homes cos deuses, á terra, á propia paisaxe construída polos homes, cos astros.
A recuperación desta pegada natural e artificial como patrimonio compartido dos veciños desta zona
pode ser un instrumento para que o actual lugar de paso se transforme, como o foi na Antigüidade,
nun lugar de etapa.
Igrexa de San Pedro