Upload
others
View
0
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
PROXECTO LINGÜÍSTICO
INTRODUCIÓN
A lingua, como afirma o Decreto 79/2010 do 20/05/2010 para o plurilingüismo
no ensino non universitario de Galicia, é un elemento imprescindible de
identidade cultural, que representa o valor e a unión e cohesión dun pobo.
Tamén no Estatuto de Autonomía defínese o galego como lingua propia de
Galicia, dispoñéndoa, xunto ao castelán, como linguas oficiais de Galicia, que
todos teñen o dereito de coñecer e empregar.
Tendo en conta isto, debemos ser conscientes da importancia que adquire a
escola para este fin; expandindo o uso do galego máis alá da propia clase de
lingua. Xa que, un pleno dominio da mesma, acádese cando se utiliza en
diversos ámbitos, facendo que se converta nunha lingua funcional.
Conseguir iso é un dos obxectivos principais deste Proxecto Lingüístico de
Centro (PLC), planificar e levar a cabo un uso normalizado e dinámico da
nosa lingua no CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas.
Para logralo é importante o traballo en equipo por parte de todos os membros
da comunidade educativa, seguindo unhas pautas establecidas polo equipo de
dinamización da lingua, a través deste proxecto e dos distintos proxectos de
fomento que se elaboran cada curso. Todo guiado pola presente lexislación
para que o uso das dúas linguas oficiais de Galicia sexa similar e o seu
desenvolvemento equitativo.
Para a elaboración do PLC tomamos como referencia o Decreto 79/2010, do
20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
publicado o martes, 25 de maio de 2010 no nº 97 do Diario Oficial de Galicia
para a súa aplicación en todos os centros docentes. Neste decreto
establécese que o PLC debe abarcar os seguintes contidos:
As linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou
ámbitos de coñecemento distintos dos sinalados nos artigos 4 a 12
deste decreto.
Os criterios para determinar cal é a lingua predominante da contorna.
Medidas de reforzo e apoio para o correcto uso da lingua a nivel escolar
e educativo que axuden a acadar os obxectivos establecidos na lei.
Medidas a tomar co alumnado que non ten dominio da lingua e así
axudarlle a seguir o ensino de forma axeitada.
Este decreto baséase no marco lingüístico establecido pola Constitución
española de 1978 e polo Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Ademais,
desenvolve a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, no relativo
ao uso do galego no ensino nos niveis non universitarios, e a Lei Orgánica
2/2006, do 3 de maio, de educación.
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, de
conformidade coas disposicións precedentes, garante a igualdade do galego e
do castelán como linguas oficiais de Galicia.
O artigo 14 desta lei indica que, ao remate do ensino obrigatorio,
garantirase a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais.
Nesta mesma liña, e desde unha perspectiva máis global, tamén se pronuncian
a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo
goberno do Estado español en 2001, e o Plan xeral de normalización da lingua
galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do
2004.
Neste sentido, é necesario reforzar a dimensión comunicativa do galego
en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa
que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso
correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os
ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se
enmarca cada centro.
Ademais, a realidade social europea en que vivimos, nun contexto de
globalización e de mobilidade laboral, sitúanos nun espazo internacional de
plurilingüismo; que enriquece intelectual e culturalmente ao alumnado, ademais
de axudarlles na inserción laboral, na mobilidade, nos estudos superiores…
Esta nova realidade esixe un marco educativo que atenda esta
necesidade social, posibilitando a capacitación efectiva do alumnado nas dúas
linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras, seguindo para iso o marco
delimitado pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que establece
como un dos seus fins a capacitación para a comunicación nas linguas oficiais e
nunha ou varias linguas estranxeiras.
Ademais de todo o nomeado anteriormente, teremos en conta a realidade
do noso centro, dos nosos alumnos e alumnas e da súa situación.
LEXISLACIÓN
Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), publicada no Boletín Oficial do Estado o 10 de decembro de 2013.
Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.
Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e instrucións para a aplicación do decreto tras os pronunciamentos e sentenzas do TSXG.
Decreto 124/2007 (DOG de 29 de xuño)
Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega (22/09/04)
Carta Europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992 (ratificada polo goberno do Estado español en 2001).
Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación.
Consello escolar de Galicia
O CENTRO EDUCATIVO
O C.E.I.P. Fermín Bouza Brey está situado no casco urbano da vila de
Ponteareas, da que procede todo o alumnado de Infantil e parte do de Primaria,
que se completa con nenos e nenas dalgunhas parroquias: Areas, Xinzo, Arnoso,
Moreira, Angoares e unha pequena parte de Cristiñade (o barrio da Porteliña).
Neste curso 2.020-2021 contamos a comezo de curso, cun total de 375 alumnas/os matriculados.
A maior parte do noso alumnado ten o castelán como lingua materna e,
os que teñen o galego como lingua nai, proceden maioritariamente do rural.
Pero debemos destacar que é o castelán a lingua que predomina como
primeira opción á hora de dirixirse os pais e nais aos fillos, a pesar de que moitas
parellas falen o galego entre eles.
A situación do idioma galego no entorno segue a ser claramente diglósica
. Se ben é certo que o noso alumnado está en contacto cotiá coa lingua galega
de diferentes xeitos, as familias educan aos nenos e nenas maioritariamente en
castelán, independentemente de que os ascendentes sexan galego-falantes.
É interesante o feito de que a gran maioría dos nosos alumnos e alumnas
estean en contacto diario coa lingua, ben escoitando aos seus pais entre eles,
ou ben escoitando aos seus avós e avoas con quen pasan moito tempo. Algo
menos do que normalmente pasaban debido á situación actual da COVID-19.
Tristemente afirmamos que hai unha ruptura de transmisión
interxeracional do galego.
É tamén relevante o uso do castelán para dirixir escritos ao colexio,
familias que falan habitualmente o galego, utilizan o castelán para dirixirse aos
mestres e mestras, así coma outros servizos básicos; como se o galego quedase
relegado a un segundo plano.
É interesante o dato de que a actitude dos alumnos e alumnas non é, en
ningún caso, pexorativo cara ao galego; escóitano e compréndeno sen
dificultade pero o seu uso é practicamente nulo.
Tamén queremos destacar o feito de que moitos nenos galegofalantes,
procedentes case todos do rural, perden o uso da lingua, unha vez que comezan
a escola; debido, sen dúbida, ao pouco uso por parte dos seus compañeiros e
compañeiras. Non podemos afirmar que exista, no Fermín Bouza Brey, ningún
neno monolingüe en galego.
Neste sentido, debemos propoñernos como obxectivo do traballo
lingüístico no centro, acadar que estes nenos e nenas non perdan a oralidade
por culpa da situación sociolingüística que atopan ao chegar á escola.
Ademais contamos con alumnado inmigrante, procedente de varios
países (uruguaios, arxelinos, arxentinos…) e doutras comunidades españolas
que coñecen e se expresan máis en castelán que en galego.
O feito de que os nosos alumnos e alumnas apenas usen o galego para
expresarse de forma espontánea, fai que debamos reflexionar sobre a
necesidade de traballar, fomentar e normalizar a nosa lingua. Para iso
elaboraremos actividades de reforzo nas distintas épocas do curso, facendo uso
da lingua en todas as actividades de lecer que se desenvolvan; como
complemento ao seu uso nas distintas materias que deben ser impartidas en
galego. Será con este “reforzo” co que intentaremos acadar esa dobre
competencia nas dúas linguas que establece o Decreto.
Os obxectivos por tanto que guiarán o noso Proxecto Lingüístico serán:
a) Acadar, por parte do noso alumnado, a competencia lingüística propia do seu
nivel nas dúas linguas oficiais.
b) Valorar a cultura do seu entorno e aprender a usar o galego como lingua de
comunicación normal.
c) Facer a toda a comunidade educativa partícipe na normalización do uso da
lingua galega, para acadar un bilingüismo harmónico pleno.
d) Establecer unha serie de actividades co obxectivo de contribuír a darlle
vitalidade e prestixio social á lingua máis desfavorecida , no noso entorno .
e) Frear o cambio lingüístico que se establece cando nenos e nenas
galegofalantes chegan ao colexio.
f) Fortalecer o uso da lingua e reducir a inseguridade que algúns senten ao usala,
tanto na fala coma na escrita.
g) Potenciar a capacitación para a comunicación na lingua estranxeira (inglés e
francés).
h) Valorar e respectar as linguas que aportan os alumnos e alumnas
estranxeiros; enriquecéndonos culturalmente.
i) Desenvolver actividades complementarias que melloren a competencia e
calidade do uso do galego.
k) Fomentar o uso da lingua nas entrevistas cos pais e nais por parte dos mestres
e mestras.
No contexto docente, o uso do galego é axustado á lei, usándoo nas áreas que
así está establecido e en actividades complementarias; así como en circulares a
familias e todo o relativo a nivel administrativo.
MEDIDAS ADOPTADAS PARA O DESENVOLVEMENTO DO
PROXECTO LINGÜÍSTICO:
EDUCACIÓN INFANTIL:
(Artigo 5 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino
non universitario de Galicia)
1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna
predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do
contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o
coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou
ciclo. No caso de contornos castelán falantes, o uso do galego será, como
mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva do
galego, de xeito que o alumnado adquira unha competencia que lle permita
comunicarse en galego.
2. A lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro
educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais,
nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso
escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.
3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua
materna.
4. Cada centro educativo deberá facer constar no seu proxecto lingüístico as
actividades e estratexias de aprendizaxe empregadas para que o alumnado
adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais.
Consultadas as familias a comezo do curso 2020-2021, determínase
que a lingua materna predominante no noso entorno é o castelán . Pero
despois de que o Tribunal Superior de Galicia anulara o carácter vinculante
desta enquisa, non será determinante para establecer a lingua na que se
impartirán as clases na educación infantil do noso centro, pero trataremos
de facer un reparto equitativo.
Establécense estratexias de iniciación do galego en actividades coma:
PSICOMOTRICIDADE.
INFORMÁTICA (aínda que non existen moitos recursos en galego adaptados á Educación Infantil).
RUTINAS: asemblea, día da semana...
HORA DO CONTO, Recitado de poesías, trabalinguas, cancións...
CELEBRACIÓNS DAS FESTAS TRADICIONAIS.
A lingua estranxeira inglés, ofrécese ao alumnado de E. I. en sesións dunha hora semanal, desde os 3 anos, seguindo o Plan de Anticipación posto en marcha hai xa varios anos no noso centro.
Utilizarase de maneira equilibrada o galego e o castelán (50% das materias
do currículo para cada unha delas).
EDUCACIÓN PRIMARIA:
(Artigo 6 o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino
non universitario de Galicia).
1. Garantirase a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e
do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia.
2. As materias de lingua impartiranse no idioma de referencia.
3. Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural,
social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas.
4. Cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no
regulamento de centros, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de
materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castelán
se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais, sen prexuízo do
disposto no capítulo IV (sobre a impartición de materias en linguas
estranxeiras). Este proceso realizarase cada catro cursos escolares.
Distribución horaria das materias:
1º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés
4 sesións LG 4 sesións LC 2 sesións
L.E.
5 sesións C Sociais
e C.da Natureza
5 sesións MATE
2 sesións de EF 2 sesións de E. A.
1sesión REL ou
AE
2º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés
4 sesións LG 4 sesións LC 2 sesións
L.E.
4 sesións COÑEC. 5 sesións MATE
2 sesións REL ou
AE
2 sesións de E. A.
2 sesións de EF
3º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés
4 sesións LG 4 sesións LC 3 sesións
L.E.
5 sesións C.
Sociais e C. da
Natureza.
4 sesións MATE 1 sesión de
E.A.
1sesión REL ou
AE
1 sesións de E. A.
2 sesións de EF 2 sesións de E:F.
4º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés
4 sesións LG 4 sesións LC 3 sesións
L.E.
4 sesións COÑEC. 4 sesións MATE 1 sesión
E.A.
2 sesións REL ou
AE
1 sesións de E. A.
2 sesións de EF
5º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés
4 sesións LG 4 sesións LC 3 sesións
L.E.
5 sesións C.
Sociais e C. da
Natureza
4 sesións MATE
1 sesións REL ou
AE
2 sesións de E. A.
2 sesións de EF
6º CURSO:
En Lingua galega En Lingua castelá En Inglés En
francés
3 sesións LG 3 sesións LC 3 sesións
L.E.
1
sesión
4 sesións COÑEC. 4 sesións MATE
2 sesións REL ou
AE
2sesións de E. A.
2 sesións de EF
NOTA: Na área de Educación Física, utilizaranse a lingua galega e castelá
indistintamente, para achegarse ao equilibrio en horas de docencia en ambas
linguas.
O noso colexio traballa, desde hai uns anos, coas Seccións Bilingües, impartindo
a materia de plástica, en terceiro e cuarto, en lingua inglesa, e a libre
configuración de sexto, en lingua francesa, esta última desde o ano pasado.
Para que os alumnos e alumnas poidan participar no programa de Seccións
Bilingües, o centro debe contar coa autorización dos seus pais ou titores legais.
PRIMEIRO DE PRIMARIA:
No 1º curso de primaria conflúe alumnado escolarizado desde E.Infantil
no noso centro maioritariamente castelán-falante , co procedente do Colexio
Rural Agrupado “CRA Picaraña” maioritariamente galego-falantes.
Para a introdución e desenvolvemento das técnicas instrumentais de
lecto-escritura adaptarase a metodoloxía á lingua materna predominante na aula
, para isto, nas entrevistas cos pais e nais preguntaremos cal é a lingua máis
usada na casa. Coidarase a atención individualizada naquel alumnado que teña
coma lingua materna a non maioritaria.
Irase ampliando o uso da lingua galega ,dun xeito progresivo. Farase a
“hora de ler” e realizarase o mesmo tipo de actividades en ambas linguas, para
intentar equilibrar a competencia no uso de ambas linguas.
En lingua estranxeira impártese o inglés , fixando como obxectivo iniciar unha
competencia básica no uso do idioma.
2º,3º,4º,5º e 6º DA PRIMARIA:
Nestes cursos de Primaria cando se trata de desenvolver as técnicas
instrumentais adquiridas nas etapas anteriores , procuraremos insistir en lograr
un nivel de igual competencia nas dúas linguas oficiais , tanto na expresión
escrita como na expresión oral , atendendo especialmente á lingua galega , xa
que se observa un nivel de competencia moi por debaixo do castelán.
En canto á Lingua estranxeira, seguirase a metodoloxía que capacite ao
alumnado na competencia para desenvolverse con soltura , utilizando un
vocabulario axeitado que o capacite para unha comunicación elemental.
Tanto nas producións escritas coma orais procúrase a participación activa
en representacións, cancións, recitados, dramatizacións, interaccións dirixidas...
MEDIDAS DE APOIO E REFORZO PARA UN CORRECTO USO LINGÜÍSTICO
ESCOLAR E EDUCATIVO FOMENTANDO O PLURILINGÜÍSMO:
- Fomentarase o uso oral e escrito das diferentes linguas que se imparten no centro.
- Intentarase equiparar o material bibliográfico, fonográfico, multimedia…nas diferentes linguas : castelán , galego e inglés.
- Poñerase a disposición do profesorado o material inventariado.
- Proporcionaráselles aos membros da comunidade educativa información
sobre as actividades, actos e institucións culturais relacionadas co seu contorno lingüístico e animaráselles a participar nelas, nos vindeiros anos, posto que este ano non haberá actividades nin actos culturais presenciais; polo que trataremos de buscar os mesmos de forma virtual.
- Animarase aos membros de toda a comunidade educativa a empregar o galego nas distintas actividades escolares que se desenvolvan durante o curso... por ser a lingua oficial máis desfavorecida no noso contorno.
- Traballaranse distintos aspectos da cultura tradicional e recompilarase información no entorno familiar e cultural, valorizando o respecto do noso patrimonio material e inmaterial.
- Participarase en actividades complementarias que xurdan durante o curso a prol das dúas linguas oficiais, así como na lingua estranxeira, inglés.
- Reforzarase a lecto-escritura nas diversas linguas superando as eivas de materiais editados en galego ( revistas, libros, cómics).
- Usaranse as TIC como recurso de apoio e reforzo das diferentes áreas e
potenciarase o uso das dúas linguas oficiais, así como o Inglés utilizando programas didácticos axeitados. Recomendaremos para que usen na súa casa, posto que tememos que o curso poida non rematar de forma presencial.
- Realizaranse actividades de animación á lectura : comentaranse as obras
de autores casteláns e galegos da actualidade coa finalidade de fomentar a lectura e ampliar o coñecemento cultural e artístico da nosa terra. Este ano, polo menos, non nos vai visitar ningún autor, debido ao protocolo COVID activado para todo o curso.
- Mochila viaxeira: este ano cambiaremos a dinámica da mochila viaxeira,
cada neno e nena terá a súa propia, elaborando o seu propio caderno de bitácora, ao non poder compartir libros nin material.
- Club de lectura: con profesorado voluntario e gardando a distancia de
seguridade, realizaranse sesións de lectura comentada de libros nas dúas linguas oficiais. O alumnado participante neste club deberá mostrar un interese especial cara a lectura.
CRITERIOS PARA DETERMINAR A LINGUA PREDOMINANTE NO
CONTORNO:
Observación directa:
- Uso da lingua oral entre os alumnos e alumnas dentro e fóra da aula.
- Reunións cos pais e nais dos nosos alumnos e alumnas.
- Uso do galego nos escritos que dirixen as familias á escola.
Observación indirecta:
- Enquisas ao alumnado e ás familias que permitan coñecer que idioma utilizan a cotío en diferentes contextos.
Nas titorías observamos que cada vez é máis común o uso do galego por
parte das familias, algo que antes era pouco habitual, a pesar de que os mestres
e mestras usaran o galego; as familias respondían en castelán. Parece que isto
está cambiando.
MEDIDAS ADOPTADAS PARA ALUMNADO INMIGRANTE:
Na actualidade, no noso centro, temos un número bastante elevado de
alumnado inmigrante, procedente tanto doutras comunidades españolas
(Canarias, Cataluña ou Castela) como doutros países ( Romanía, Uruguai,
Portugal, Brasil, Malasia, Arxelia…); e, aínda que algúns destes alumnos e
alumnas levan varios anos no noso país, seguen a presentar dificultades, sobre
todo, no uso cotiá do galego. É, en ambos casos coñecen en maior e menor grao
o castelán.
Este grupo de alumnos e alumnas precisan dunha atención específica que lles
permita alcanzar unha correcta competencia comunicativa nas dúas linguas
oficiais da nosa Comunidade Autónoma. Isto é, sen dúbida, fundamental para
esquivar o fracaso escolar.
Sabendo que poden solicitar a exención da lingua galega segundo a Orde do 10
de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio,
para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, con relación á
exención da materia de lingua galega; pero sendo tamén conscientes de que isto
é pan para hoxe e fame para mañá, debemos poñer en práctica unha serie de
medidas complementarias; que dun xeito ou doutro, axuden a alcanzar os nosos
obxectivos.
Estas medidas complementarias serán levadas a cabo polo profesorado do
centro, aplicando os protocolos que establece a lei e usando as horas das que
dispoña o claustro para poder desenvolvelo.
1.- Ao carecer o Centro dun programa específico de inmersión
lingüística, o alumnado inmigrante intégrase nas aulas correspondentes, á
espera de ser avaliado o seu grao de coñecemento dalgunha das linguas oficiais.
2.- Avaliación pola comisión pedagóxica da necesidade de solicitar
profesores para apoio lingüístico.
3.- Determinación pola orientadora do centro, da necesidade de recibir
unha atención específica , ou no seu caso unha adaptación da programación
para o logro paulatino das competencias lingüísticas nas linguas oficiais.
4.- Apoio individualizado na aula do titor ou titora, utilizando no inicio da
súa escolarización preferentemente unha das linguas cooficiais onde se sinta
con máis soltura o alumno/a e progresivamente introducilo no uso das demais
linguas do currículo .
-5.-Fomentar a súa integración e interacción co grupo-clase.
No caso de descoñecemento total das dúas linguas oficiais da nosa
Comunidade Autónoma, adoptaranse as seguintes medidas: a creación dunha
aula de integración lingüística ou aula de acollida na que recibirían unha atención
específica que será, simultánea á escolarización nos grupos ordinarios conforme
ao nivel e á evolución da súa aprendizaxe.
Corresponde ás administracións educativas adoptar medidas singulares
naqueles centros que resulte necesaria unha intervención educativa
compensatoria ( Lei orgánica 2/2006 de 3 de maio (LOE)(BOE4-5-2006), artigos
79 e 81.
PLAN DE ACOLLIDA A ALUMNADO ESTRANXEIRO
Debido á existencia de alumnos e alumnas estranxeiros que temos no noso
colexio, marcamos uns obxectivos tanto pedagóxicos, coma educativos, coma
de convivencia que queremos acadar para lograr un ambiente seguro e cómodo
no centro escolar.
Entre eles podemos destacar:
Conseguir que o alumnado que ven ao noso colexio sinta que está nun
lugar seguro e respectuoso cara ás identidades e liberdades de cada
ser individual.
Afianzar valores coma a liberdade, a xustiza, a igualdade, a tolerancia,
a responsabilidade, o respecto, a diversidade, a cooperación, a
solidariedade, o respecto pola natureza, respecto polo traballo dos
demais ou a creatividade de cada un.
Minimizar ao máximo as desigualdades que, inevitablemente, existen
entre os alumnos e alumnas, que ninguén xulgue a ninguén por
crenzas, nacionalidade, lingua, cultura, relixión, tradicións ou
alimentación.
Crear un espazo libre de prexuízos.
Cada vez que un alumno ou alumna estranxeiro chegue ao colexio, e presente
a necesidade de aprender a lingua como paso previo, é importantísimo que se
tomen decisións rápidas no ámbito lingüístico, asegurando o éxito a nivel
académico e o éxito na inclusión do alumno/a na aula.
Nun caso así, e de acordo coa Orde do 20 de febrero de 2004 pola que se
establecen as medidas de atención específica ao alumnado procedente do
estranxeiro, porase en práctica o protocolo; polo que, o proceso de incorporación
ao centro estará precedido dun diagnóstico que informe ao profesorado das
necesidades persoais que o alumno/a teña. Valoraranse as:
Necesidades sociais
Necesidades psicolóxicas, referentes á autoestima ou afectividade.
Necesidades sobre as competencias lingüística, cultural e curricular
Seguimento do “Plan de acollida a alumnado estranxeiro” da Xunta de Galicia,
que inclúe o seguinte protocolo:
Aprendizaxe intensiva do castelán e, progresivamente, do galego
durante cando menos un trimestre, coa asistencia a determinadas
clases que requiren menor competencia lingüística (Educación Física,
Educación Plástica, aquelas nas que se utilice sistematicamente as
TIC…), onde se garanten espazos comúns de socialización desde o
primeiro momento.
Asumirán o papel de axentes de inmersión lingüística intensiva:
o O profesorado de Pedagoxía Terapéutica (que, ao mesmo
tempo, proporcionará o soporte emocional que necesita este
alumnado).
o Un alumno que actuará de acompañante (compañeiro/a de
clase) durante un tempo.
Ao mesmo tempo, procurarase que estes alumnos non estean illados
e participen en todo aquilo que sen necesidade de expresión oral ou
escrita poidan intervir con niveis nulos ou básicos de coñecemento do
idioma (actividades artísticas, de música…).
Tamén nestes momentos iniciais de escolarización é importante valorar
xa a súa propia lingua, polo que o profesorado de PT achegaralle por
escrito ao resto de profesorado implicado as fórmulas de presentación
básicas: saúdo, benvida, etc., no idioma de orixe do alumno.
En canto á documentación que se lles proporciona inicialmente, tanto
a eles como ás familias, farase no idioma de orixe (horario do alumno,
información sobre o sistema educativo, sinalización das dependencias
do centro…).
Debemos fomentar unha actitude positiva cara á lingua, que a vexan como
unha riqueza engadida ao proceso ensino-aprendizaxe e non como unha
dificultade máis.
Tamén nos resulta interesante que estes alumnos e alumnas estranxeiros
participen nas actividades complementarias usando a súa propia lingua,
amosándonos curiosidades da mesma e facéndolles ver que a valoramos
como riqueza cultural. Pensamos que isto é moi importante.
Isto pode axudar a fomentar a idea de respecto e comprensión con respeto
ao que é diferente ao noso, poñendo en práctica do que sempre falamos,
da diversidade e do respecto como valores únicos. Debemos aproveitar
esta situación para consolidar un ensino inclusivo baseado nos pilares da
interculturalidade.
ACTIVIDADES DINAMIZADORAS DA LINGUA GALEGA:
Antes de afondar nas diferentes actividades que queremos realizar ao longo
deste período, queremos remarcar a excepcionalidade deste curso académico,
que xunto coa segunda parte do curso pasado, obrigounos a refacer e
replantexar todo o planificado. O estado de alarma decretado o 13 de marzo de
2020, debido ao COVID-19, polo que se suspenderon as clases presenciais en
todo o territorio nacional, fixo que tiveramos que adaptar as actividades á nova
situación.
A situación actual, de ensino presencial, non normalizou as cousas, posto que o
protocolo obriga a levar máscara, non facer traballos en grupo, desinfectar todo
o material que se usa entre alumno e alumno e manter distancia de seguridade;
polo que todas as actividades que plantexemos este curso vanse adaptar á nova
situación. Situación que, por outra banda, non sabemos hasta cando vai seguir.
Desde hai anos os equipos de Dinamización da Lingua galega, Biblioteca
e Actividades complementarias chegaron ao acordo de traballar conxuntamente
na proposta de actividades dinamizadoras da lingua galega ao longo do curso
escolar; este ano non será diferente, traballaremos en conxunto, a pesar de que
as actividades complementarias serán de menor incidencia, e as de biblioteca
serán cunhas características moi peculiares debido á obriga de desinfección de
todo o material que se usa.
Así e todo, seguiranse propoñendo actividades a través do blog da
biblioteca, www.bibliobrey.blogspot.com e desde o blog de dinamización da
lingua galega www.ferminbouzabrey.blogspot.com ; onde tamén seguiremos
expoñendo todos os traballos realizados polos nosos alumnos e alumnas.
Coas actividades que propoñemos, ademais de conseguir un uso
normalizado da lingua galega, queremos dignificala e valorala como se merece.
A continuación facemos unha exposición das actividades a desenvolver:
Exposicións didácticas ao longo do curso que teñen que ver coas actividades que existen no entorno do alumnado e que responden a actividades cíclicas anuais: a vendima, o millo, os froitos de outono, a mata, a castaña, as alfombras... este traballo este ano será plantexado como individual debido á situación. Pero as exposicións faranse de igual modo nos corredores do colexio.
Obradoiro de libros: elaborar libriños que recollan actividades propias da cultura galega, actividades que implican ás familias na transmisión e conservación da mesma
Festa das cabazas ou calacús colaborando co departamento de inglés para mostrar as semellanzas ou diferenzas coa festa do “Halloween”.
No mes dos calacús celebramos un certame de relatos de medo onde o alumnado recolle contos tradicionais ou ben inventa relatos que le diante doutros compañeiros e compañeiras.
Transmisión e fomento da oralidade en lingua galega a través da escenificación de conxuros e contos de medo do alumnado dos cursos quinto e sexto para o alumnado de terceiro e cuarto, aproveitando contos tradicionais, polo mes de novembro.
Celebración do Magosto no patio do colexio: cada nivel encárgase de asar castañas, formando unha fogueira co bullo aportado polo alumnado , usando o xeito tradicional de asado desta zona.
Realización de actividades lúdicas lingüísticas (xogos, pasatempos,
adiviñas, etc.)
Certame de contos de Nadal.
Dia da Paz : traballos de murais e slogans pacifistas . Celebración no patio de todo o colexio do día da paz coa exposición de slogans ou peticións elaborados nas aulas e que serán en lingua galega. Se non se pode facer a celebración no patio os slogans e traballos expoñeranse de todos os xeitos.
Actividades lúdicas de carácter cooperativo e canción elixida para a celebración anual desta data, cantada á vez por todo o conxunto do alumnado, no patio do colexio, se pode ser, e senón cada clase na súa aula, facendo despois unha montaxe para compartir non medios audiovisuais.
Celebración da festa tradicional do Entroido. Colaboración das familias, aínda que este ano non haberá a elaboración de sobremesas típicas. Elaboración de disfraces nas aulas para que cada nivel forme a súa comparsa. Invención de coplas por parte do alumnado do ciclo superior para levar a cabo despois do desfile de comparsas o xuízo ao meco.
Realización de traballos previos nas aulas sobre un tema global que elixido ao comezo de curso polos tres departamentos, normalmente desenvólvese durante o 2º e terceiro trimestre , culminando cunha exposición que recolle o conxunto de traballos nos diferentes cursos.
Implicación das familias na pescuda de información sobre diferentes temas: toponimia da zona, plantas mediciñais, refráns, aportación de fotografías etc.
Semana das Letras Galegas: Nesta semana ten especial relevancia ao autor/a homenaxeado e dáse a coñecer a súa vida e obra a través da exposición que dun traballo cooperativo que previamente se prepara en diferentes cursos sobre a súa persoa. Ademais da elaboración da unidade didáctica que envía a Xunta de Galicia.
Gozar dunha xornada de xogos populares para coñecer e divulgar a existencia dos mesmos.
Outra actividade dinamizadora no uso da lingua galega e que ten moito éxito entre o noso alumnado é a MOSTRA DE TEATRO ( este ano será a 10ª Mostra de teatro) que ao longo do mes de maio no noso centro a pesares das dificultades de espazo que estamos tendo, se leva a cabo . Este ano queda pendente das condicións que se dean durante o curso, pero as expectativas non son moi alentadoras. Consiste na representación de varias obras de teatro que distintos
grupos de alumnas e alumnos preparados polos seus titores , realizan
para outros grupos de alumnos. Normalmente as familias poden acudir
para ver aos seus fillos e fillas, pero este ano queda totalmente
descartado.
A Semana do Cine realizámola durante o mes de maio proxectando películas en galego para que o noso alumnado poda ir coñecendo as producións feitas ou dobradas ao galego que normalmente non poden ver a través da T.V. Este ano todo iso farase nas aulas, cada curso na súa aula.
Colaboracións ao longo do curso con diferentes entidades: Abanca, Asociacións culturais e ecoloxistas da zona, EDLG do concello, etc. que promovan a lingua e cultura galega, este ano non haberá desprazamentos nin ao auditorio nin a ningún outro sitio, pero se a oferta é telemática aí estaremos facendo uso dela.
Participación nas campañas de difusión e promoción do galego
organizadas polo noso concello: exposición de alfombras no Corpus,
entroido, concursos de poesía, exposicións…
Concienciación de entidades e institucións locais para fomentar o
emprego da lingua nos seus escritos e actividades.
Tratar de intercambiar experiencias con outros centros educativos tanto do noso Concello como de fora del.
Irase creando unha fonoteca e mediateca de materiais en lingua galega para que o alumnado coñeza a riqueza das producións feitas en galego.
Como se observa que hai menos materiais didácticos multimedia
editados en galego que nas outras linguas (castelán e inglés) ,
procuraremos a través do blog e páxina web do colexio dar a coñecer e
incentivar o uso de programas informáticos en lingua galega que vaiamos
coñecendo, para que o alumnado e as familias aprecien que a lingua
galega é unha lingua actual , moderna que se emprega nas novas
tecnoloxías.
Potenciar o uso das TIC no uso da lingua galega para que o alumnado a perciba como unha lingua actual que pode usar sen complexos en todas as áreas do saber. Introducirase, este ano máis que nunca, ao alumnado no uso do correo
electrónico , elaboración de documentos word, power point sobre
temas propostos, aula virtual, videochamadas… algo fundamental se
volvemos sufrir un novo confinamento.
Utilizarase a lingua galega oral e escrita por parte do centro, tanto nas relacións que se manteñan coas administracións territoriais e locais e demais entidades públicas galegas, en todos os documentos oficiais, comunicacións e escritos ás familias como indica a Lei Orgánica do 3 de maio do 2006 de Educación.
Organización de charlas para dignificar e prestixiar o galego en todos os eidos.
Difusión de información ao profesorado sobre materiais didácticos,
lingüísticos e pedagóxicos existentes, que permitan un incremento da
docencia en lingua galega: publicacións, películas, CD, etc.
Organización de campañas orientadas á desaparición dos prexuízos lingüísticos: slogans, carteis…
Proporcionaremos información sobre a normativa que regula o uso da lingua.
Promoción e sensibilización sociolingüística do galego (murais, concursos de visibilización do EDLG, enquisas, proxectos de sensibilización das linguas minorizadas, participación no Correlingua, etc.).
Difusión dos nosos traballos a través do noso blog.
Promoción das competencias básicas en galego, en lectura, escritura e expresión oral, mediante a elaboración de redaccións, murais, exposicións orais…
Promoción da lectura en galego polo día do libro.
Club de lectura para promover o gusto pola lectura en lingua galega.
Actividades tendentes a demostrar a viabilidade do galego noutros ámbitos, como o científico, o xudicial, o audiovisual, o musical, etc.
Estarán en galego todos os carteis, letreiros, avisos, notas, mensaxes…
O galego será de uso obrigado en todas as actividades organizadas polo centro.